Persoal


Os obxectivos do grupo de investigación son achegar:

Unha ferramenta útil aos/ás estudantes da Universidade de Santiago de Compostela. A docencia é unha función complexa que require non só dos coñecementos dos/das que a imparten, senón de instrumentos que coadxuven á transmisión dos devanditos coñecementos. A través da web do noso grupo de investigación, pretendemos ofrecer o servizo que o/a estudante require para adquirir as competencias propias dun/dunha licenciado/a, proximamente graduado/a en Dereito.

 

Información doutrinal e xurisprudencial actualizada aos/ás que dediquen a súa vida profesional ao Dereito. Trátase de ofrecer artigos doutrinales, sentenzas, normas que sirvan á actualización de coñecementos.

Servizos xurídicos a avogados/as, empresas, administracións e institucións en xeral, a través da elaboración de informes, ditames, ou estudos que se nos requiran, así como executar proxectos ou concorrer a convocatorias das Administracións Públicas.

Traballo con colectivos desfavorecidos, isto é, grupos de persoas que por diversas razóns, económicas, laborais, étnicas, culturais, persoais, familiares, de xénero, educativas, físicas, psíquicas, de idade, etc., non teñen a oportunidade de acceder a determinados servizos sociais dos que outros gozan sen dificultade, e que resultan fundamentais para a socialización das persoas.

 

Non atopamos mellor xeito de presentar o noso grupo que o de contarvos os nosos proxectos, aínda que xa levamos tempo realizándoos dun xeito individual. Hoxe cremos que facelo de xeito conxunto, ofrecendo diversidade, axudará á obtención de mellores resultados. En todo caso, outra información que podades requirir tamén vola ofreceremos ao longo da páxina web. Esta só pretende ser unha presentación dun grupo de investigadores que utilizan unha ferramenta máis no seu traballo por e para a sociedade.