Igualdade
DIAGNOSE DE IGUALDADE DA USC
02 de septiembre del 2009
Os avances na normativa estatal e autonómica no logro dunha igualdade efectiva
entre homes e mulleres vinculan ás universidades coa necesidade de establecer unidades de igualdade e de actuar guiadas por esta meta. Con todo, e máis alá das obrigas implícitas nas leis e plans recentemente ratificados, temos que recoñecer que o papel das universidades como creadoras e difusoras de cultura convértenas en institucións clave que poden contribuír de maneira decisiva ao cambio dos estereotipos de xénero que aínda hoxe seguen a definir os roles sociais de mulleres e homes.
No sistema universitario ao que pertencemos a calidade ten gañado unha
importancia estratéxica fundamental. Neste contexto, a institución universitaria como
outras organizacións debe utilizar todo o potencial das persoas que forman parte da
mesma. Para o logro deste obxectivo garantir unha situación de igualdade de oportunidades é un requisito imprescindible. Seremos quen de lograr a excelencia académica, tanto na investigación como na docencia, cando na nosa institución non existan nin obstáculos nin limitacións para o desenvolvemento persoal de ningún dos seus membros e colectivos




Con este horizonte de futuro a USC creou a finais do curso 2005-2006 a Oficina
de Igualdade de Xénero coa misión de levar á práctica o compromiso da institución coa
igualdade de oportunidades. Entre as funcións inmediatas que se teñen encargado a esta Oficina está a de elaboración do I Plan de Igualdade de Xénero para a USC.
O diagnóstico que estamos presentando encádrase nesta acción. Como toda
estratexia da organización un plan de igualdade de oportunidades debe ter un deseño á medida, segundo as características e a situación de partida de cada institución. É máis, é imprescindible que os obxectivos e futuras accións que se establezan no plan estean baseadas nesta tarefa de diagnosticar, isto é, de detectar cales son os problemas e de definir as prioridades de actuación.
Os traballos para a elaboración do Diagnóstico sobre a igualdade de xénero na USC
comezaron na primavera pasada. O carácter necesariamente transversal do mesmo facía obrigada a implicación de toda a organización. Esta manifestouse dende os primeiros momentos da recollida de información. É por iso que queremos rematar esta presentación agradecendo a colaboración prestada a todas as persoas e servizos que axudaron coas súas opinións e o seu traballo na recompilación e sistematización dos datos que constitúen a base deste diagnóstico.

www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/oix/descargas/diagnostico_sobre_a_igualdade_na_USC.pdf
Volver