Inicio
A ASOCIACION GALEGA PROFESIONAL PARA A MEDIACIÓN E A IGUALDADE DE XÉNERO (AGAMIX) é unha asociación profesional, constituída por tempo indefinido, que se funda sen fins de lucro, ao abeiro do artigo 22 da Constitución española, e que se rexerá pola Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, por estes Estatutos, e pola demais normativa que lle é de aplicación.


A ASOCIACION GALEGA PROFESIONAL PARA A MEDIACIÓN E A IGUALDADE DE XÉNERO (AGAMIX), ten como fin principal promover un cambio profundo no xeito de concebir Galiza, que faga posible que dende os poderes públicos se desenvolvan políticas galeguistas e de progreso social en beneficio das clases populares do país. En especial, a ASOCIACION GALEGA PROFESIONAL PARA A MEDIACIÓN E A IGUALDADE DE XÉNERO (en diante AGAMIX) nace coa idea de potenciar o tecido asociativo de Galiza no ámbito social da resolución de conflitos, ofrecendo á sociedade, vías alternativas para a xestión do conflito que posibiliten a participación no procedemento de resolución, dende instancias menos burocráticas e máis humanizadoras que as actualmente existentes.

Son fins da asociación os que se relacionan a continuación:
a) Ostentar a representación, xestión e defensa dos intereses das Mediadoras e os Mediadores ante a Administración e as diferentes autoridades.
b) Promover e canalizar a participación das socias e socios na xestión e a responsabilidades da Asociación.
c) O establecemento de servizos propios de interese común ás persoas asociadas.
d) A administración e disposición dos seus propios recursos, sexan orzamentarios ou de patrimonio, e a súa aplicación aos fins e actividades propias da Asociación.
e) Manter contactos, ou no seu caso con interlocutoras/es válidas/os e representativas/os das organizacións de traballadoras/es na defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lle son propios.
f) Formular declaracións nos medios de comunicación social, que poidan ser de interese para as súas asociadas e asociados.
g) Realizar estudos, enquisas e estatísticas entre as súas asociadas e asociados, ou noutro medio calquera, sobre diversos asuntos e problemas que poidan ser de interese común ás socias e aos socios
h) Asignar, percibir e administrar as cotas ou doazóns que se acorden na Asemblea Xeral para o desenvolvemento da Asociación.
i) Promover a Igualdade de Oportunidades e a non discriminación por razón de xénero entre mulleres e homes en todo os eidos sociais: educación, emprego, saúde, economía, política, participación social...
k) Deseñar actividades de sensibilización que promovan a non violencia de xénero e a igualdade de oportunidades.
l) Establecer canles de comunicación con outros organismos promotores da igualdade de oportunidades tanto a nivel local, provincial, autonómico coma estatal.
m) Calquera finalidade non sinalada nos enunciados anteriores, sempre que supoña ou complete a defensa e potenciación da Mediación e a promoción da igualdade de xénero, así como dos restantes intereses da Asociación.